- O espectáculo terá lugar o día 22 de outubro a partir das 21 horas no Auditorio Municipal
- Nos días previos ao evento informarase sobre a posibilidade de que asista público, en función de como evolucione a situación sanitaria
Valga, 17 de outubro de 2020.
O Auditorio Municipal será escenario o vindeiro día 22 de outubro, a partir das 21 horas, dun espectáculo musical de lembranza de Antonio Machín. Un compatriota seu, o artista cubano Johnny Vergara, afincado en España, protagonizará o concerto “Toda unha vida” no que recordará os grandes éxitos de Machín. Cancións emblemáticas coma “Angelitos negros”, “Dos gardenias” ou “El manisero” e o son das maracas marcarán o ritmo do espectáculo.
O concerto será retransmitido en streaming dende Valga para todo o mundo. O acceso virtual, a un prezo de 4 euros, pode xestionarse a través da ligazón https://www.endirecto.dcstreaming.com/producto/concierto-toda-una-vida-johnny-vergara/. En función de como evolucione a situación sanitaria en Galicia e dos posibles cambios na normativa vixente, nos días previos ao evento informarase sobre a posibilidade de que asista público ao Auditorio.
A vinculación de Johnny Vergara coa música de Antonio Machín remóntase a anos atrás cando gravou o disco “Caruca”, con versións dos grandes éxitos do considerado como “rei do bolero”. Agora, no espectáculo “Toda unha vida”, está acompañado sobre o escenario polo pianista Yoanny Fonseca, tamén de orixe cubana. Ademais, a voz en off de Alberto Closas Jr. relata a vida de Antonio Machín ao tempo que se proxectan imaxes persoais e artísticas do cantante, dende os seus comezos en Cuba, onde chegou a ser vetado, ata o seu falecemento en Madrid en 1997.
“Toda unha vida” foi estreado no Teatro Amaya de Madrid ante máis de 600 persoas a finais de 2019. A pandemia truncou unha xira con máis de 40 datas que Johnny Vergara tiña pechada para este 2020 e obrigou a reformular o concerto para adaptalo á “nova normalidade”, na que Internet e as novas tecnoloxías son fundamentais para a divulgación de proxectos culturais.