- O contrato inclúe telefonía fixa e móbil e acceso a Internet en todas as sedes municipais, tanto administrativas como laborais
- Para ofrecer aos veciños un mellor servizo de rede móbil e datos, o Concello pon a disposición do adxudicatario solo, acometida eléctrica e unha torre para a súa instalación
Valga, 14 de outubro de 2020.
O Concello de Valga vén de sacar a contratación o subministro de servizos de telecomunicacións –telefonía e internet– para un período de catro anos por un valor estimado de 74.400 euros.
O contrato abarca a prestación dos servizos de renovación, mellora e mantemento da rede, infraestruturas, equipamento de comunicacións e liñas de telecomunicacións do Concello en todos os ámbitos implicados: rede de voz, datos e Internet.
O adxudicatario proporcionará, tamén, os servizos de telefonía fixa e móbil e de conexión a Internet, dispoñendo das máximas prestacións permitidas pola tecnoloxía actual.
Ademais, é obxecto de contratación a subministración e instalación dos novos compoñentes necesarios para as infraestruturas de comunicación de voz e datos das distintas sedes municipais: tanto as administrativas (Concello, Edificio de usos administrativos, CODI e Auditorio, incluíndo este último a Escola de Música, o Centro Superior de Música e o Centro de Día) coma as laborais (Casa da Cultura, Museo, Depuradora e Escola Taller).
En virtude deste contrato o co obxectivo de ofrecer aos veciños un mellor servizo de rede móbil e de datos 3G/4G/5G naquelas zonas onde a cobertura é deficiente, o Concello porá a disposición solo municipal, acometida eléctrica e torre de telecomunicacións para a súa instalación, configuración e mantemento por parte do adxudicatario.
A contratación realízase mediante un procedemento negociado sen publicidade ao que serán convidadas a participar un mínimo de tres empresas capacitadas para a prestación do servizo coas que se negociarán os aspectos técnicos e económicos recollidos nos pregos. Con anterioridade este mesmo contrato de subministro licitouse por procedemento aberto, quedando deserto.