Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Está considerada como unha das mellores intérpretes mundiais do violonchelo

- Nos vindeiros meses tamén realizarán actividades formativas no centro o barítono Carlos Álvarez e a pianista Judith Jáuregui

LiinaLeijama1

Valga, 13 de outubro de 2020.

O Centro Superior de Música de Galicia, que o pasado venres inaugurou un novo curso con 57 alumnos activos, recibiu esta fin de semana a visita dunha das artistas que, nesta recta final do ano, participará nas masterclass que oferta o centro. Tratouse da violonchelista Liina Leijala, profesora da Wiener Musikakademie de Viena, directora do Baremboim-Said Fundation Center e, actualmente, tamén mestra do CSM Galicia.

Oriunda de Finlandia, Liina está considera como unha das mellores intérpretes do violonchelo a nivel mundial. Estudou na Academia Sibelius, na Escola de Música Raíña Sofía de Madrid e na Universidade de Música e Arte Dramática de Viena.

Durante a visita deste domingo ao Auditorio Municipal, a violonchelista mantivo unha reunión cos directores do CSM, Manuel Villar e Pere Molina, para preparar a masterclass que impartirá en Valga os días 19 e 20 de decembro. Acompañouna tamén durante a súa estancia Simón Ibáñez, profesor de clarinete do CSM Galicia e compañeiro de Liina Leijana na Wiener Musikakademie.

A dirección do Centro Superior de Música confesa estar “moi contenta de poder ter en Valga aos grandes intérpretes e aos pedagogos mellor valorados na actualidade” e lembra que nas vindeiras semanas serán máis as personalidades do mundo da música que colaborarán co CSM Galicia, entre elas o barítono Carlos Álvarez, unha figura recoñecida internacionalmente e que actúa nos mellores escenarios do mundo, entre eles o Metropolitan de Nova Iorque, o Covent Garden de Londres ou a Scala de Milán, e a concertista de piano Judith Jáuregui.

LiinaLeijama2

Volver