- A empresa Schindler foi a adxudicataria do proxecto, cun orzamento de 95.491’26 euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta
- O elevador permitirá mellor a seguridade e a accesibilidade nas plantas altas do edificio, nas que se atopa o Centro de Día
Valga, 9 de outubro de 2020.
As obras para dotar dun novo ascensor ao edificio do Auditorio Municipal xa están en marcha. Os traballos foron adxudicados polo Concello á empresa Schindler S.A. para mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade do edificio, especialmente das plantas altas, nas que se ubica o Centro de Día para persoas maiores.
O elevador, con parede lateral panorámica, irá emprazado na fachada principal do edificio. Trátase dun ascensor de alta eficiencia enerxética que terá cabida para nove pasaxeiros e contará cun sistema que aforra ata o 55% do uso do motor, xa que recupera a enerxía de freado para a súa reutilización. Deste xeito, permite a alimentación en caso de corte do subministro eléctrico, podendo realizar máis de 100 viaxes a través dos seus acumuladores.
A elección do ascensor con lateral panorámico trata de manter a homoxeneidade estética do inmoble, evitando a sensación de engadido.
Este elevador reforzará a accesibilidade ás plantas altas do Auditorio, facilitando o seu uso por parte de todos os veciños, independentemente das súas capacidades. Isto cobra especial relevancia tendo en conta, que na segunda planta se atopa o Centro de Día, ao que os usuarios poderán acceder directamente dende o soportal de entrada.
Ademais, verase aumentada a seguridade xa que o ascensor ofrecerá unha nova vía de escape cara o exterior do Auditorio en caso de que se produzan eventuais incendios ou outras emerxencias que afecten ás plantas altas do inmoble. Neste sentido, o elevador poderá funcionar como saída de emerxencia ao igual que as escaleiras exteriores que se instalaron no seu día.
As obras, presupostadas en 95.491’26 euros, son cofinanciadas entre o Concello e a Xunta de Galicia.