- O premio de 500 euros repartiuse na cafetería da Casa da Cultura
- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez fixeron hoxe entrega dos vales de compra á afortunada
Valga, 8 de outubro de 2020.
A campaña de apoio ao comercio local, Merca-Valga, xa coñece á súa terceira gañadora: Celia Bodaño, Pérez, veciña de Pontevalga, que resultou agraciada cun premio de 500 euros en vales de compra no sorteo correspondente ao pasado mes de setembro.
Ela era a portadora da papeleta co número 0520, correspondente ao primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional do día 26 de setembro. O boleto foi repartido na cafetería da Casa da Cultura de Valga.
Esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez entregaron á gañadora os vales pola cantidade total de 500 euros que poderá gastar nos establecementos adheridos á campaña de promoción do comercio valgués. O acto de entrega celebrouse na cafetería da Casa da Cultura, coa presenza tamén da responsable do local, Fina Castiñeiras.
Merca-Valga é unha iniciativa do Concello para incentivar as compras no comercio local e contribuír á reactivación da economía no municipio durante a pandemia da Covid-19. Deu comezo no mes de xullo e continuará ata novembro, con sorteos mensuais de 500 euros.
Participan 73 establecementos de Valga, entre eles bares e restaurantes, negocios de alimentación, salóns de peiteado e estilismo, farmacias, carpinterías, estancos, estudos de fotografía, ferraxerías, droguerías, florerías, talleres de automoción, tendas de moda e fogar, mercerías, panaderías e pastelerías, taxis, logopedias, consultorías, negocios de xardinería e produtos agrícolas, hoteis e establecementos deportivos, entre outros.
Ao realizar as súas compras, os clientes destes comercios reciben boletos numerados e o premio recae naquela papeleta que coincida coas catro últimas cifras do último sorteo da Lotaría Nacional de cada mes. Os próximos sorteos terán lugar o 31 de outubro e 28 de novembro. Para cada sorteo só son válidos os boletos entregados durante ese mes e ao seguinte iníciase un novo reparto.