Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A parte principal das obras afectará ao núcleo do Carballiño e tamén haberá pavimentacións na Rúa Nova

- Os traballos, cun orzamento de 119.950 euros, son cofinanciados entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello

 

Valga, 6 de outubro de 2020.

O Concello de Valga acaba de adxudicar á empresa Covsa as obras de mellora das infraestruturas viarias na área empresarial de Campaña. Trátase da segunda fase de actuacións no maior asentamento industrial do municipio, que conta con seis grandes empresas nas que traballan máis dun milleiro de persoas.

O proxecto, que ten un importe de 119.950’12 euros, é cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aprobou unha subvención ao abeiro dunha orde para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.

Executaranse traballos de acondicionamento e pavimentación de viais, continuando así coas melloras xa executadas na zona con anterioridade e que incluíron a dotación de servizos e a construción de beirarrúas na Rúa Nova e no seu entorno. Agora a parte principal das obras desenvolverase no Carballiño, no entorno das empresas Intavalsa, ODL e Lema. Acondicionarase un vial de servizo para desconxestionar o tráfico neste núcleo. Tamén se continuará coas melloras na Rúa Nova, no entorno de Extrugasa, Exlabesa e Urovesa. Nesta zona pavimentarse o vial que foi ensanchado na primeira fase.

O obxectivo é ofrecer un mellor servizo aos peóns e vehículos á hora de acceder e circular polos viais desta contorna, facilitando o desenrolo da actividade empresarial e a súa convivencia coas zonas residenciais.

Volver