Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A única alegación presentada foi rexeitada

- Destínanse 1,1 millóns a inversións, 845.000 euros ao fomento do emprego, 587.000 a asistencia primaria e 590.000 a Cultura

 

Valga, 31 de xaneiro de 2018.

O grupo de goberno aprobou definitivamente no Pleno de onte os orzamentos para este exercicio 2018, rexeitando a única alegación presentada durante o trámite de exposición pública, a do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureisos (Cosital). “Os informes do secretario e do interventor desmontan o que di Cosital”, indicou o alcalde, José María Bello Maneiro, durante a sesión ordinaria. “Minten cando din que nos non figura o tesoureiro. Está nos orzamentos, pero hai que adicarlles tempo. Ademais, Valga é un dos poucos concellos que ten dende hai 20 anos un funcionario exercendo de tesoureiro”, engadiu. 

Por outra parte, o salario que recollen os orzamentos para o secretario e o interventor está dentro que marca a lei, e non só iso, “senón que é superior ao mínimo que establece a lei. Porque ten que pagar máis o Concello de Valga?”,  preguntou Bello Maneiro. “Se a outros lles sobran os cartos que o fagan, pero a miña responsabilidade como alcalde é xestionar da mellor forma posible e dentro da lei os recursos dos que dispón Valga”. Lembrou, sobre este asunto, que quen convoca as prazas de secretario e interventor é o Ministerio de Facenda e Administracións públicas e non o Concello.

Os orzamentos, que entran inmediatamente en vigor trala súa aprobación definitiva, ascenden a 5.447.194 euros. No capítulo de gastos destacan dous grandes grupos: os servizos básicos e inversións, que supoñen o 40% do total, e os servizos sociais, que chegan ao 46%. O restante 14% corresponde á administración xeral e outros gastos.

O anexo de inversións, que suma 1.122.770 euros, recolle partidas para a dotación e ampliación de servizos como o abastecemento de augas ou saneamento, así como a recollida de basuras, en concreto para a adquisición de novos contedores e o mantemento e limpeza dos xa existentes. Medidas de aforro enerxético e mellora do alumeado público, o mantemento de parques, xardíns, espazos naturais e  mobiliario público, así como actuacións en viais e camiños e novas dotacións nas instalacións deportivas municipais son outras das partidas. O Centro de Interpretación da Caña do País, equipamento para os recintos culturais e o Museo da Historia, o Edificio Administrativo e a promoción e conservación do patrimonio local son actuacións para as que tamén se provén fondos.

No tocante aos servizos sociais, o orzamento reserva 587.000 euros para a asistencia primaria, que inclúe a axuda a domicilio, o Centro de Información Á Muller e o CODI. Hai que salientar que, por terceiro ano consecutivo, o Concello volve a asumir de xeito íntegro a financiación do Centro Ocupacional para persoas con discapacidade ao estar pendente de resolución o contencioso administrativo interposto contra a Deputación de Pontevedra por negarse a subvencionalo.

Ao fomento do emprego o Concello destinará en 2018 un total de 845.000 euros. Continúase coas subvencións á contratación de parados do municipio, unha iniciativa que o Concello puxo en marcha hai anos para loitar contra o paro. Outras das partidas vencelladas ao emprego destinarase á contratación de bolseiros por parte da administración local, cursos e actividades formativas, o plan de formación dual ou ao obradoiro de Emprego Ulla-Umia II que xa está en marcha.

Increméntanse un 28% con respecto a 2017 os fondos para Educación, Cultura e Deportes, que suman en total 1.086.000 euros. Deles, máis da metade, 590.000 euros, destínanse á cultura destacando os máis de 140.000 euros para Escola Municipal de Música, entre xestión, gastos correntes, mantemento das instalacións e adquisición de instrumental. Ademais, as comisión de festas de Valga que contraten á Banda de Música Municipal serán subvencionadas con 300 euros a maiores das cuantías que poidan percibir por outros conceptos.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver