Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A conta pechouse cun resultado orzamentario positivo de 58.394 euros e un remanente de 24.031

- Na sesión ordinaria tamén se trataron as expropiacións para o proxecto de reconstrución da liña de vagonetas entre o río Ulla e Mina Mercedes

EscudoConcelloo

Valga, 30 de setembro de 2020.

A Corporación municipal celebrou na tarde de onte un Pleno ordinario no que se aprobou definitivamente a conta xeral de 2019, despois da súa exposición pública na que non se presentou ningunha alegación. A conta péchase cun remanente de 24.031’28 euros, un resultado orzamentario positivo de 58.394’94 euros e un aforro neto de 277.999’62 euros.

O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, explicou que estes datos amosan que “a xestión é boa e o Concello está saneado”. Tal é así que o exercicio pechouse en números positivos a pesar de que algunhas partidas de ingresos se viron reducidas con respecto ao presupostado pola non aportación da Deputación de cantidade algunha ao edificio administrativo. O edil destacou, ademais, que nun orzamento de 5’4 millóns de euros a conta final desviouse unicamente 7.800 euros, o que reflexa que o presuposto elaborado polo goberno local e o equipo económico do Concello foi preciso.

Souto concluíu a súa intervención remarcando que a conta xeral cumpre con todas as medidas de consolidación fiscal, tales como a estabilidade orzamentaria, regra de gasto, nivel de débeda financieira, período medio de pago a provedores e índice de morosidade.

Na sesión ratificouse, por unanimidade, o convenio de colaboración entre os concellos de Valga, Pontecesures, Padrón, Rois, Dodro e Rianxo para a posta en marcha do Programa Integrado de Emprego Ulla-Sar, así como a solicitude dunha subvención de 245.000 euros á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este plan diríxese a un total de 100 persoas desempregadas dos seis municipios participantes, con especial atención a colectivos especialmente damnificados polo paro: menores de 30 anos, maiores de 45, perceptores de prestacións, parados de longa duración, mulleres e perceptores de prestacións, subsidios de desemprego ou renda activa de inserción. Terá unha duración de doce meses e o obxectivo é acadar un 35% de inserción laboral entre os participantes.

Outro dos asuntos da orde do día foron as expropiacións e indemnizacións para o proxecto de reconstrución da antiga liña de vagonetas de transporte de arxila dende a Mina Mercedes ata o río Ulla. O teleférico terá unha lonxitude aproximada de 1.100 metros e, no seu percorrido, veranse afectadas unha trintena de parcelas, das cales a maioría xa son de titularidade municipal. Os predios a expropiar son dez e corresponden a afeccións de voo. A súa superficie é de 1.989 metros cadrados e a indemnización total que se establece é de 4.197’75 euros.

Este punto foi aprobado cos votos favorables do grupo de goberno.

Por unanimidade saíu adiante unha moción do grupo socialista sobre o comezo do curso escolar que ten como un dos seus puntos reclamar á Xunta de Galicia que se faga cargo de todos os gastos extraordinarios que o Concello está a afrontar como consecuencia do impacto da pandemia do coronavirus no ámbito educativo.

Foi rexeitada, en cambio, unha moción de urxencia de En Marea na que se solicitaba a reprobación dunha concelleira do equipo de goberno.

Por último, deuse conta á Corporación da execución trimestral do orzamento relativa ao segundo trimestre de 2020, do cumprimento da morosidade e do período medio de pago a provedores, que no primeiro trimestre do ano foi de 11 días e no segundo trimestre, de 27 días. Isto é froito da operación de tesourería concertada polo Concello a finais de 2019.

Volver