- “Os contos da leiteira” diríxese a nenos de 4 a 12 anos e trata de previr sobre a violencia de xénero
- A entrada é de balde e será obrigatorio o uso da mascarilla
Valga, 30 de setembro de 2020.
A Casa da Cultura será escenario o vindeiro martes, 6 de outubro, dunha nova actividade de animación á lectura organizada polas bibliotecas municipais. O obradoiro programado é “Os contos da leiteira”, que se dirixe a rapaces de entre 4 a 12 anos de idade e que ten como temática a promoción da igualdade a prevención da violencia de xénero.
A actividade inclúe historias sobre mulleres intrépidas e tímidas, loitadoras e soñadoras e sobre a condición feminina representada, ás veces, por animais que viven esas circunstancias. Haberá contos de heroínas, de galiñas valentes, de leóns amorosos ou galos fachendosos para concienciar aos nenos que asistan sobre a igualdade.
O obradoiro dará comezo ás 17:30 horas e a entrada é de balde. Cumpriranse todas as medidas hixiénicas e sanitarias de prevención da Covid-19, sendo obrigatorio o uso da mascarilla e o mantemento da distancia interpersoal.