- A actividade, organizada polas bibliotecas municipais, é de balde
- A música, combinada coa narración de historias, farán pensar e aprender aos máis cativos
Valga, 24 de setembro de 2020.
As actividades de animación á lectura organizadas polas bibliotecas municipais chegan o martes, día 29, á Casa da Cultura de Valga, da man do espectáculo “As parábolas de Pakolas”.
Paco Cerdeira, a través do seu personaxe Pakolas, presenta un espectáculo de pequeno formato no que interpreta en directo unha selección de temas propios dirixidos a público infantil. Coa súa guitarra tocará rock e outros estilos e cantará letras en galego axeitadas aos máis cativos.
A actividade, programada para as 17:30 horas, combina cancións coa narración dalgunhas historias e contos que nelas se recollen, incluíndo unha mensaxe final a modo de parábola da que aprender e na que pensar.
Mañá venres, títeres no Auditorio
Mañá venres o Auditorio Municipal acolle outro obradoiro organizado polas bibliotecas, o espectáculo “Contos da Lúa”, a cargo da compañía Teatro Marionetas Trécola.
A actividade dará comezo ás 18 horas e está dirixida a público familiar a partir dos 4 anos de idade.
Os titiriteiros Isabel García e Ero Vázquez e os seus bonecos artesáns ofrecerán unha morea de contos e historias máxicas e divertidas. A sesión terá unha duración aproximada de 45 minutos.
A entrada ás dúas actividades é gratuíta para todos os nenos que queiran asistir ata completar o aforo das salas. Cumpriranse todas as medidas hixiénicas e sanitarias de prevención da Covid-19, sendo obrigatorio o uso da mascarilla e o mantemento da distancia interpersoal.
Estes obradoiros forman parte do programa “Ler conta moito”, da Rede Pública de Bibliotecas de Galicia.