- Esta mañá comprobouse que o estado das obras de rehabilitación é compatible coa volta ás aulas en condicións de seguridade
- Representantes da Xunta estarán esta tarde, ás 16:30, no centro para aclarar dúbidas aos pais
Valga, 21 de setembro de 2020.
As clases no colexio de Educación Infantil e Primaria Baño-Xanza darán comezo este mércores, día 23. Así o decidiron esta mañá representantes da Consellería de Educación, do Concello, da dirección do centro e da Anpa despois de comprobar o estado das obras.
Os traballos realizados nos últimos días deixaron a planta baixa do recinto educativo apta para a actividade lectiva. É nesta zona na que se emprazan as aulas, polo que as clases poderán iniciarse en condicións de seguridade para o alumnado e sen que as obras interfiran nelas.
Os retoques que quedan pendentes neste parte do recinto escolar executaranse fóra do horario lectivo. Coincidindo coas clases os operarios só realizarán traballos noutras áreas e plantas do colexio, de maneira que estudantes e obreiros non compartan espazos en ningún momento.
A situación será provisional, xa que está previsto que o proxecto de rehabilitación integral do CEIP Baño-Xanza, no que a Xunta inviste preto de 800.000 euros, quede rematado a finais de outubro.
A petición dun grupo de pais, esta tarde a partir das 16:30 horas estará no colexio representantes da Consellería de Educación para resolver as dúbidas que poidan ter os pais en relación ao inicio do curso.