Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

A decisión foi consensuada entre representantes da Consellería de Educación, o Concello, a dirección do centro e a Anpa

O luns examinaranse de novo as instalacións co obxectivo de que as clases poidan comezar o mércores, día 23

 

Valga, 18 de setembro de 2020.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, achegáronse esta mañá ao colexio Baño-Xanza para comprobar o estado das obras de rehabilitación integral e tomar unha decisión sobre o comezo das clases, que estaba previsto para o próximo luns. Este fora o compromiso adoptado o pasado luns na reunión que mantiveron coas familias do alumnado. Na visita participaron tamén responsables da Consellería de Educación e da Xefatura Provincial de Pontevedra, técnicos da administración autonómica, a directora do colexio e a presidenta e varios membros da directiva da Anpa.

No percorrido realizado polas instalacións puideron comprobar como a empresa adxudicataria das obras volveu incumprir o seu compromiso de ter rematados os traballos interiores na planta baixa –na que se atopan as aulas– para que a actividade lectiva poida desenvolverse con total seguridade. "Lamentamos este novo incumprimento por parte da empresa. Aínda que as aulas parecen estar ben, os principais problemas atópanse nos corredores”, indicou o alcalde trala visita. “A situación non nos ofrece confianza, tendo en conta que a empresa xa incumpriu os seus compromisos en varias ocasións con anterioridade. Por iso, chegamos á conclusión de que o colexio non reúne os requisitos mínimos de seguridade para poder comezar as clases o luns”, engadiu. A decisión de retrasar de novo o comezo do curso foi consensuada entre os representantes do Concello, da Consellería, a dirección do centro e a Anpa.

A nova data que se marcou para a volta ás aulas é o próximo mércores, día 23. A empresa asegurou aos técnicos e responsables políticos que traballará durante a fin de semana para poder rematar as obras na planta baixa e que as instalacións ofrezan a máxima seguridade aos alumnos. O luns farase unha nova vista ao centro para comprobar o seu estado e tomar unha decisión. “Se comprobamos que os traballos avanzaron satisfactoriamente e que a seguridade está garantida, as clases comezarían o mércores. Do contrario, convocaremos aos pais a unha nova reunión”, anuncia o alcalde.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver