- Impártese en dous grupos cun máximo de seis persoas en cada un e con todas as medidas hixiénico-sanitarias
- Durante os próximos días desenvolveranse tamén seminarios sobre certificado dixital, copias de seguridade e redes sociais, entre outras temáticas
Valga, 15 de setembro de 2020.
A Aula CeMIT acolle esta semana as primeiras actividades presenciais dende que, no mes de marzo, se declarara o Estado de Alarma a consecuencia da situación de emerxencia sanitaria. Dende aquela priorizouse a teleformación, cumprindo coas recomendacións das autoridades para conter a pandemia da Covid-19.
Onte recuperouse a formación presencial cun curso de “Whatsapp para principiantes”, dirixido a persoas maiores de 50 anos e que se imparte en dous grupos diferentes cun máximo de seis persoas en cada un. Aos participantes tómaselles a temperatura antes de acceder á aula, deben desinfectar as mans con xel hidroalcohólico ao entrar e ao saír, é obrigatorio o uso de mascarilla e cada persoa só pode empregar un equipo, mantendo ademais a distancia de seguridade interpersoal. As sesións comezaron o luns e mañá terá lugar a última.
Nos vindeiros días realizaranse na Aula CeMIT máis actividades: unha serie de seminarios web do Canal Sénior que, aínda que se dirixen principalmente a maiores, están abertos a todos os públicos. Estes seminarios impártense a través de videoconferencia na propia aula e tamén se dá a posibilidade de que os usuarios se conecten dende os seus fogares.
Mañá mércores terá lugar a actividade “Trámites online con certificado dixital”, no que se tratarán contidos coma a creación da identidade dixital e que tipo de actividades administrativas e trámites se poden realizar con este certificado. O xoves impartirase o seminario “Copias de seguridade e consellos de uso do certificado dixital” e o venres pecharase a semana coa actividade “Firma de documentos electrónicos co teu certificado dixital”.
A vindeira semana continúan as iniciativas de formación tecnolóxica cos seminarios “Facebook, unha nova vía para ampliar o teu círculo social” e “Outras redes sociais para estar ao día”. Todas estas actividades desenvólvense a partir das 12 da mañá.
Para participar é necesario inscribirse previamente no teléfono 986 55 67 69 ou a través da páxina web da Rede CeMIT.