- Os contedores azuis e amarelos foron subvencionados pola Consellería de Medio Ambiente
- A administración local tamén adquiriu colectores verdes para repoñer algúns xa deteriorados
Valga, 12 de setembro de 2020.
O Concello reforzará proximamente o servizo de recollida selectiva do lixo co subministro de distintas tipoloxías de contedores, en concreto amarelos, verdes e azuis.
A adquisición dos colectores destinados ao depósito de envases lixeiros (amarelos) e papel-cartón (azuis) foi subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente a través do Plan Galicia Recicla, no marco dun convenio de colaboración con Ecoembes.
O Concello complementou esta aportación coa adquisición, con financiación propia, dun novo lote de colectores verdes para o depósito de residuos da fracción resto (aqueles para os que non está implantada a recollida selectiva).
Estes novos contedores permitirán ao Concello renovar parte da súa infraestrutura de recollida de residuos urbanos. Destinaranse, en boa parte, á reposición de vellos colectores que están danados e deteriorados. No caso dos amarelos e os azuis tamén se reforzará o servizo establecendo novos puntos de recollida selectiva en zonas nas que existe demanda.