- Asistiron no monte de Beiro a unha demostración cunha máquina trituradora de madeira
- O Concello estuda a súa adquisición para xestionar de forma eficiente os restos de podas e limpezas forestais
Valga, 11 de setembro de 2020.
Unha delegación de Illa de Príncipe –pertencente ao país africano Santo Tomé e Príncipe, situado no golfo de Guinea– estivo esta mañá en Valga no marco do Plan Revitaliza de implantación da compostaxe para asistir a unha demostración de funcionamento dunha máquina trituradora de madeira.
A proba tivo lugar no monte de Beiro e, ademais dos visitantes africanos, participaron o mestre composteiro do Concello, técnicos municipais e do Plan Revitaliza e os alumnos do módulo de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV. Empregáronse a madeira, ramaxe e restos de podas que había na zona, que nas últimas semanas foi obxecto dunha limpeza e acondicionamento por parte dos aprendices do Obradoiro.
O obxectivo da visita da expedición de Illa de Príncipe foi recabar datos e coñecer a experiencia da implantación da compostaxe en Valga a través do Plan Revitaliza. No marco deste programa, que se leva a cabo en colaboración coa Deputación, o Concello ten previsto sacar a contratación proximamente a adquisición dunha máquina trituradora de biomasa coa que poder eliminar e tratar de forma eficiente os restos de podas e limpezas forestais sen necesidade de recurrir a queimas. Ademais, as estelas resultantes do proceso de triturado poden empregarse como estruturante no proceso de compostaxe.
A de hoxe foi a segunda demostración dunha máquina deste tipo que se levou a cabo. A semana pasada realizouse outra. O obxectivo é determinar cal é o modelo máis idóneo e que máis se adapta ás necesidades de Valga.