- As obras consisten na colocación dunha bomba de calor aire-auga para dar servizo ás instalacións deportivas
- A actuación é cofinanciada polo Concello e a Xunta de Galicia
Valga, 10 de setembro de 2020.
A empresa Alumea S.L. foi a adxudicataria das obras de mellora da climatización no ximnasio municipal de Beiro, unha actuación na que se invisten 50.000 euros e que é cofinanciada polo Concello e a Xunta de Galicia, a través dunha liña de subvencións para a mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Os traballos xa deron comezo e consisten na dotación dun novo sistema de climatización e ventilación –unha bomba de calor aire-auga– acorde á actividade deportiva que se desenvolve nas instalacións, que recentemente foron ampliadas ata acadar unha superficie total de 370 metros cadrados.
É por iso que agora se fai necesario adecuar o sistema de climatización ás novas dimensións do recinto para garantir a súa confortabilidade e ofrecer un servizo de calidade aos usuarios.
Mentras se desenvolven as obras, a actividade do ximnasio trasladouse ao pavillón municipal, onde se dispuxeron todas as máquinas e elementos necesarios para a práctica deportiva cumprindo coa normativa hixiénica e sanitaria que está en vigor para o sector.