- O programa de voluntariado trata de promover a participación da cidadanía para facer de Valga un concello máis solidario
- A Consellería de Política Social aprobou unha axuda de 4.800 euros para esta iniciativa
Valga, 10 de setembro de 2020.
Oito mozos voluntarios iniciaron nos últimos días a súa colaboración coa administración local de Valga no marco do programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Política Social da Xunta.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado concedeu ao Concello unha subvención de 4.800 euros para esta iniciativa, xestionada dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e que xa é habitual durante os veráns.
O programa de voluntariado que se realiza durante os períodos estivais en Valga componse de diferentes actividades sociais, educativas e de ocio, entre outras. Nesta ocasión, o labor dos oito voluntarios seleccionados centrarase en accións culturais e outros eventos puntuais como foi o caso da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, celebrada a finais de agosto e na que xa colaboraron.
O obxectivo deste programa é promover a participación social da cidadanía, especialmente da mocidade, para así transmitir á poboación a importancia da acción voluntaria e para facer de Valga un concello máis solidario.