- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez fixeron a entrega no Estudo de Fotografía Pardagunde
- Os boletos para o próximo sorteo, que terá lugar o 26 de setembro, xa están repartíndose nos comercios adheridos
Valga, 7 de setembro de 2020.
Lorena Blanco Mos, natural de Pontevalga, é a gañadora do segundo sorteo de Merca-Valga, correspondente ao mes de agosto. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez fixéronlle entrega este mediodía do premio de 500 en vales de compra que poderá gastar nas tendas asheridas á campaña de promoción do comercio local.
O acto de entrega tivo lugar no Estudo Fotográfico Pardagunde co asistencia da súa propietaria, Rosi Pardal. Este establecemento foi o que repartiu a papeleta co número 5282, coincidente coas últimas catro cifras do primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional do pasado 29 de agosto.
Merca-Valga é unha iniciativa do Concello para incentivar as compras no comercio local e contribuír á reactivación da economía no municipio durante a pandemia do coronavirus. Deu comezo no mes de xullo e continuará ata novembro, con sorteos mensuais de 500 euros.
Participan 73 establecementos de Valga, entre eles bares e restaurantes, negocios de alimentación, salóns de peiteado e estilismo, farmacias, carpinterías, estancos, estudos de fotografía, ferraxerías, droguerías, florerías, talleres de automoción, tendas de moda e fogar, mercerías, panaderías e pastelerías, taxis, logopedias, consultorías, negocios de xardinería e produtos agrícolas, hoteis e establecementos deportivos, entre outros.
Ao realizar as súas compras, os clientes destes comercios reciben boletos numerados e o premio recae naquela papeleta que coincida coas catro últimas cifras do último sorteo da Lotaría Nacional de cada mes. Os próximos sorteos terán lugar o 26 de setembro, 31 de outubro e 28 de novembro. Para cada sorteo só son válidos os boletos entregados durante ese mes e ao seguinte iníciase un novo reparto.