- Estiveron acompañados pola directora do centro e técnicos da Consellería de Educación
- A Xunta financia o proxecto de mellora con preto de 800.000 euros
Valga, 4 de setembro de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, visitaron esta mañá o CEIP Plurilingüe Baño-Xanza para comprobar o estado das obras de rehabilitación integral que financia a Consellería de Educación con preto de 800.000 euros.
Os dous membros do goberno municipal estiveron acompañados pola directora do centro, Eva Zumalave, por técnicos da Consellería e por responsables da empresa encargada da execución do proxecto, JStop. Fixeron un percorrido polo recinto e as instalacións do centro para ver como se están a desenvolver os traballos pensando no próximo comezo do curso escolar e na nova situación xerada pola pandemia da Covid-19.
A meirande parte das obras afectan á parte das instalacións nas que se imparte Educación Primaria, a máis antiga do recinto. Nela estase a substituír a vella cuberta por paneis sandwich de chapa de aceiro galvanizado, coa instalación de novos canalóns e baixantes. Tamén se levan a cabo melloras na fachada, a súa limpeza e a colocación de illamento térmico.
O proxecto inclúe a dotación de novas ventás con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e renovación das persianas, a instalación de luminarias con tecnoloxía LED nas aulas de arte, de actividades extraescolares e na ludoteca, a reforma de baños e o pintado e acondicionamento de aulas.
No edificio de Educación Infantil a principal actuación é a mellora do illamento térmico.