- As concelleiras Begoña Piñeiro, Carmen Gómez e Malena Isorna tamén a visitaron no seu domicilio para darlle os parabéns
- Un ramo de flores, unha torta e doces para celebrar o aniversario coa familia foron os agasallos que lle levaron
Valga, 3 de setembro de 2020.
María Josefa Senín Otero, veciña de Reguengo (Setecoros), cumpre hoxe 102 anos de idade. Con motivo desta data especial, o alcalde, José María Bello Maneiro, acompañado polas concelleiras Carmen Gómez, Begoña Piñeiro e Malena Isorna, visitou á centenaria no seu domicilio para felicitala en representación de todos os valgueses e entregarlle uns agasallos.
A Avoa Bisi, como cariñosamente a chaman na familia, recibiu un ramo de rosas, unha torta e doces para festexar o aniversario rodeada de toda a súa familia, que tamén a acompañou durante a visita dos membros do goberno local.
María Josefa soprou as candeas mentras o seus familiares e os edís facían un brinde á súa saúde. Como xa é tradición en cada aniversario da Avoa Bisi, o regalo máis agarimoso recibiuno do seu bisneto Roi, que lle tocou unhas pezas coa gaita.
María Josefa Senín Otero é a segunda veciña de maior idade de Valga, despois de María Bouzas Senín (Cerneira), que cumpriu este verán 104 anos. Curiosamente as dúas centenarias son parentes, xa que son curmás.