- O alcalde, a concelleira responsable e o director reuníronse coas familias do alumnado
- O centro, que conta con 122 inscritos, abrirá un segundo período de matrícula a partir do 10 de setembro
Valga, 2 de setembro de 2020.
A Escola Municipal de Música retoma as clases a partir do vindeiro luns, 7 de setembro, despois de permanecer sen actividade dende a declaración do Estado de Alarma, no mes de marzo. O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira responsable, Malena Isorna, e o director da escola, Manuel Villar, mantiveron onte no Auditoiro un encontro con familias e alumnos para explicarlles como se organizará o curso 2020-2021 e as medidas anti-Covid que se aplicarán para garantir a seguridade do alumnado e do equipo docente.
O persoal da escola realizará un control premio de Covid-19 antes do inicio das clases e o Concello desinfectará as instalacións con ozono. Esta medida repetirase periodicamente para asegurar as condicións hixiénicas das aulas.
Na escola estableceranse unha porta de entrada e outra de saída. Antes de acceder tomarase a temperatura aos alumnos e aquel que supere os 37 graos non poderá asistir a clase, manténdoo illado á espera de que algún familiar acuda a buscalo. Dentro das instalacións tamén se fará un control permanente de temperatura antes de entrar a cada aula. O alcalde e a concelleira fixeron onte entrega ao director de seis termómetros de infravermellos. Ademais, entregaraselles un lote para actuar ante casos sospeitosos de Covid integrado por un mono, luvas, pantalla e mascarillas cirúrxicas e FP-2.
Na escola será obrigatorio o uso da mascarilla excepto para tocar o instrumento correspondente. O lavado e desinfección de mans con xel hidroalcohólico e gardar a distancia de seguridade serán outras das pautas de obrigado cumprimento dentro das instalacións. Para os grupos máis numerosos habilitaranse as aulas máis amplas e empregarase tamén o Auditorio, no que ensaiará a Banda Municipal.
O alcalde e a concelleira responsable da Escola de Música lembraron ás familias que o protocolo preventivo ante o coronavirus debe comezar nos fogares, cun control de síntomas (febre, tos seca ou dificultade para respirar) antes de mandar aos rapaces a clase.
Novo prazo de matrícula
Ademais destas medidas de hixiene e seguridade, na reunión tratáronse outros asuntos relativos á Escola de Música, que conta nestes momentos con 122 alumnos inscritos. A partir do 10 de setembro abrirase un novo prazo de matrícula.