- As instalacións contan con novo mobiliario e unha exposición de botellas conmemorativas
- Esta tarde, a partir das 20 horas, dá comezo o Concurso da Caña do País coa precata
Valga, 27 de agosto de 2020.
O Centro de Interpretación da Caña do País vístese de gala para celebrar a XXX edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que se desenvolven durante os vindeiros días.
O inmoble situado no Parque Irmáns Dios Mosquera estrea equipamento, tanto na zona dedicada ao destilado tradicional da augardente coma na planta superior, adicada a catas, exposicións e outras actividades. En concreto, o centro conta con novo mobiliario coma mesas, sillas e un moble de cociña con fregadoiro e espazo de almacenaxe.
Na planta superior instaláronse, ademais, dúas vitrinas cunha exposición das botellas conmemorativas das sucesivas edicións da Mostra da Caña do País.
Estas incorporacións súmanse ao equipamento que xa contiña o edificio, entre o que destacan dous alambiques para o destilado e un lagar.
Nas instalacións do Centro de Interpretación dará comezo esta tarde o Concurso Tradicional da Caña do País. A partir das 20 horas terá lugar a precata, coa participación dos catadores Mª Dolores Catoira Piñeiro, Juan Carlos García Busto, Manuel Blanco Picón e Ricardo Abuín Mariño, que realizarán unha primeira selección de licores nas modalidades branca, tostada e de herbas. Mañá terá lugar a cata final e os gañadores daranse a coñecer o sábado durante o acto de entrega de premios no Parque Irmáns Dios Mosquera.