Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Cinco alumnos reciben atención personalizada e formación intensiva durante tres xornadas

- Mar Durán, doutora en Psicopedagoxía, impartiu esta mañá unha charla sobre o liderado do director e a súa relación cos músicos

DSC 0018

Valga, 27 de xaneiro de 2018.

Manuel Villar Touceda, director da Escola de Música e Banda de Valga, e Pere Molina González, director titular e artístico da Orquestra de Cámara de Valencia, son os mestres do segundo encontro do curso de dirección musical que se desenvolve no Auditorio Municipal dende onte e ata mañá domingo con cinco alumnos. A actividade, que deu comezo no pasado mes de outubro e continuará en abril cun terceiro encontro, é organizada pola Escola Municipal de Música, o Concello de Valga e a asociación Musival.

O plan de traballo inclúe técnica e didáctica da dirección, análise e estudo do repertorio, orquestración, psicoloxía da dirección e práctica e ensaios coa agrupación residente Camerata Arven. Durante esta fin de semana os participantes, limitados en número para poder recibir unha atención personalizada e unha formación intensiva, están a traballar coa obra “Noneto en Fa Mayor” de Franz Lachner.

Durante a xornada de onte impartíronse sesións centradas na didáctica e na técnica direccional, análise da partitura e preparación para a práctica que realizarán mañá coa agrupación Camerata Arven. A mañá de hoxe comezou con preparación mental e física, tratando cuestións como as técnicas xestuais, os movementos que o director debe realizar para indicar á agrupación como deben tocar co obxectivo último de chegar ao público.

Abordáronse, ademais, aspectos psicolóxicos da man de Mar Durán, doutora en Psicopedagoxía e profesora de Psicoloxía Social na Universidade de Santiago, que impartiu unha charla sobre o liderado do director de orquestra e a relación grupal entre o director e os músicos.

O curso de dirección musical retomarase no mes de abril, entre os días 27 e 29, co terceiro e último encontro no que os participantes traballarán coa obra “IV Sinfonía” de Gustav Mahler.

DSC 0004 DSC 0012 DSC 0006

Volver