-Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado na XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
- O certame trata de implicar á poboación no coidado do entorno e dos espazos públicos
Valga, 23 de agosto de 2020.
O xurado do concurso “Embelecer Valga” percorreu onte os parques e infraestruturas acondicionados polos veciños para elixir, de entre todos, ao lugar máis fermoso. Avenida da Cotuña, Barcia, Barro, Beiro, Campaña, Canle, CRA de Valga, Eiras, Eirexe (Campaña), Tarroeira, Vilar e Vilarello son os lugares que optan aos premios.
O tribunal estivo formado polos concelleiros de Cultura e Facenda e un representante de cada comisión veciñal participante. Durante a visita aos diferentes lugares valoraron cuestións coma a adecuación final das obras ao proxecto presentado, a orixinalidade e creatividade nos deseños e na decoración, o aproveitamento de recursos e materiais da zona, a recuperación de elementos existentes característicos do lugar e o fomento da cultura e tradicións locais.
As actuacións realizadas polos veciños foron as seguintes:
- Avenida da Coruña: acondicionamento do parque
- Barcia: melloras no parque
- Barro: traballos de mantemento no parque
- Beiro: ornamentación e acondicionamento do parque
- Campaña: mellora do parque infantil do campo da festa
- Canle: melloras no parque
- CRA de Valga: acondicionamento dos patios das escolas unitarias
- Eiras: adecentamento do lavadoiro e do seu entorno
- Eirexe (Campaña): mellora da contorna do cemiterio parroquial
- Tarroeira: acondicionamento de terreo veciñal
- Vilar: mantemento do lavadoiro e do parque
- Vilarello: mantemento do parque, lavadoiros e outros espazos da aldea
O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100 euros. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo. Ademais, outorgarase un premio especial á comisión que mellor manteña o estado do lugar acondicionado durante todo o ano. A cuantía será de 150 euros, que se entregarán na vindeira edición do concurso, aínda que a comisión gañadora non participe.
Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado, 29 de agosto, no acto de entrega de premios da XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
O concurso “Embelecer Valga”, que anualmente convoca o Concello, premia ao lugar máis fermoso engalanado polos veciños, como un xeito de implicar á poboación no coidado do entorno acometendo accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes. O Concello encárgase de aportar os materiais para a execución dos traballos.