- A Corporación gardou un minuto de silencio en memoria do funcionario municipal José Ramón Rial Becerra, “Mon”
- Aprobáronse unha modificación do Plan Xeral, a adhesión á rede de concellos Ágora e a revisión do contrato de axuda no fogar
Valga, 18 de agosto de 2020.
O Pleno do Concello de Valga aprobou, na sesión extraordinaria celebrada onte, os festivos locais para o ano 2021. Serán o 26 de xullo, festividade de Santa Ana, e o 16 de agosto, San Roque. Ambos coinciden en luns. O punto foi aprobado por unanimidade.
Tamén co acordo de todos os grupos saíu adiante a adhesión do Concello á rede Ágora polo espazo público, unha rede de acción institucional entre a Deputación de Pontevedra e os municipios da provincia para levar a cabo políticas de recuperación dos espazos públicos. O alcalde, José María Bello Maneiro, expresou a necesidade de que esta adhesión veña acompañada de “soporte económico” para que poida dar froitos en forma de obras e actuacións.
A orde do día incluíu a aprobación inicial da modificación puntual número 4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O cambio afecta á ordenación de cinco viais nos núcleos rurais de O Campo, Sixto e Outeiriño (Xanza), Devesa (Campaña) e As Cernadas (Setecoros) para adaptar o sistema viario á realidade xurídica dos terreos, mantendo a súa funcionalidade. Votaron a favor o grupo de goberno e En Marea, mentras que o PSOE abstívose.
A aprobación inicial leva parella a apertura dun período de información pública de dous meses, durante o cal se poderán presentar alegacións. Ademais, queda suspendida a concesión de licenzas nos ámbitos afectados pola modificación urbanística.
Por último, aprobouse por unanimidade a revisión do contrato do servizo de axuda no fogar a consecuencia da subida do salario mínimo interprofesional.
Ao comezo da sesión a Corporación municipal gardou un minuto de silencio en memoria do funcionario municipal José Ramón Rial Becerra, “Mon”.