- A actividade formativa contou coa participación de quince persoas desempregadas
- Os alumnos realizaron prácticas en empresas e entidades de Valga e da súa contorna
Valga, 16 de agosto de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, asistiron este mediodía á clausura do curso de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos que se impartiu dende o pasado mes de decembro en dependencias do Centro para persoas con discapacidade (CODI), en Baño.
O curso, con certificado de profesionalidade do Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados), contou coa participación de quince persoas desempregadas e con contidos orientados ao traballo de auxiliar administrativo.
O alcalde entregou os certificados aos alumnos que asistiron ao acto de clausura e felicitounos por completar a formación. “O Concello solicitou e organizou esta actividade coa ilusión de que fose positivo e proveitoso para os inscritos e que sirva de base para que todos sigades medrando, tanto a nivel formativo coma laboral”, dixo.
O curso incluíu contidos de mecanografía, programas de ofimática (Word, Excel, presentacións e follas de cálculo, entre outros), gravación de datos e documentos, arquivo e reprodución dos mesmos e atención ao cliente. Impartíronse tamén dous módulos transversais de inserción laboral e igualdade de xénero.
Ademais desta formación teórica, os participantes realizaron prácticas nas empresas Extrugasa, Exlabesa, ODL, Carpintería Laíño e Academia Mapa e en entidades públicas coma os Concellos de Valga, Moraña e Caldas.