Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Poderán participar 16 aprendices de ata 30 anos de idade e a duración será dun ano

- As especialidades formativas aprobadas son albanelería e forestais

 

Valga, 13 de agosto de 2020.

Os concellos de Valga e Moraña porán en marcha un novo Obradoiro de Emprego dirixido a mozos de ata 30 anos de idade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de confirmar a concesión dunha subvención de 369.492’32 euros para este proxecto, no que poderán participar un total de 16 aprendices.

O obradoiro terá unha duración de doce meses e constará de dúas especialidades formativas: forestal e albanelería. Os alumnos/traballadores recibirán formación teórica e ademais realizarán prácticas consistentes en obras de interese público. O obxectivo é favorecer a inserción dos mozos participantes no mercado laboral.

As obras de forestais que están proxectadas en Valga inclúen o acondicionamento de tramos do Camiño Portugués e de diferentes espazos verdes e áreas de lecer do municipio coma o Parque Irmáns Dios Mosquera, a praia de Vilarello, Mina Mercedes, Mina Porto Piñeiro ou o Miradoiro de Beiro, entre outros.

No tocante á especialidade de albanelería, levaranse a cabo obras de mellora en instalacións e recintos municipais coma as pistas deportivas de Beiro, o pavillón municipal de Beiro ou o vello campo de fútbol de Baño.

Os concellos de Valga e Moraña manteñen dende hai anos unha estreita colaboración no ámbito laboral e, máis en concreto, na solicitude e desenvolvemento de Obradoiros de Emprego. Actualmente está en marcha o obradoiro Ulla-Umia IV  e está solicitada ante a Consellería de Economía e Emprego a subvención para o proxecto Ulla-Umia V.

Volver