- A Bella Otero, un alambique e anguías son os elementos principais da obra, que inclúe tamén referencias á pandemia da Covid-19
- O autor recibirá un premio de 100 euros e un trofeo
Valga, 13 de agosto de 2020.
Un debuxo feito polo mozo Samuel González Temperán, veciño da Devesa e de 13 anos de idade, será o cartel anunciador da XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
A obra, realizada con ceras e lapiseiros de cores, foi presentada ao concurso artístico convocado polo Concello baixo o lema “Se a Covid queres superar, a anguía e a caña deberás de probar”. Este slogan resume todos os elementos que poden verse no debuxo: a Bella Otero reconvertida en “cañeira” e con mascarilla disponse a destilar augardente nun alambique tradicional. Ao seu carón, varias anguías nadan polo río, unha delas tamén con máscara facial para protexerse nestes tempos de pandemia global.
O escudo do Concello e o texto “XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Valga, 22, 23, 28, 29 e 30 de agosto de 2020” completan o debuxo.
Samuel González, que en setembro comezará a cursar 2º da ESO no IES de Valga, é un gran afeccionado ao debuxo, unha disciplina artística que “me divirte moito” e á que adoita recurrir cando ten algúns momentos de aburrimento.
O premio que recibirá como gañador do concurso é de 100 euros e un trofeo.