- Os traballos inclúen a colocación dun novo peche perimetral para mellorar a seguridade do recinto
- Tamén se está rematando o cerrado da pista deportiva cuberta
Valga, 12 de agosto de 2020.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está executando obras de mellora nas instalacións do CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo de cara ao comezo do vindeiro curso escolar 2020-2021.
Os traballos consisten, por unha parte, renovación do peche perimetral para unha maior seguridade en todo o recinto. Retirouse o antigo valado, que se atopaba deteriorado, e estase a instalar un novo peche formado por paneis ríxidos.
Substituiranse tamén os portais de acceso ao recinto educativo.
Por outra parte, estanse a executar obras de cerramento da pista deportiva cuberta do colexio. Estes traballos son continuación dos que se levaron a cabo en novembro de 2019 e afectan ás caras este e norte do patio. A parte baixa do peche constrúese a base de bloques e a parte máis elevada rematarase coa colocación de chapas.
Unha vez rematada esta actuación, o alumnado contará cun espazo resgardado das inclemencias meteorolóxicas para participar en actividades no exterior. O patio quedará pechado por todos os lados excepto polo sur, que fará de acceso, conferíndolle así unha maior funcionalidade.
Por último, as obras contratadas e financiadas pola Consellería inclúen a substitución dos canalóns.