- Margarita Vieites, veciña de Pontecesures, foi a agraciada e recolleu os vales de compra na cafetería do Auditorio
- Os boletos para o próximo sorteo, que terá lugar o 29 de agosto, repártense nos comercios adheridos
Valga, 11 de agosto de 2020.
A campaña de promoción do comercio local Merca-Valga xa ten a súa primeira gañadora. Trátase de Margarita Vieites Seoane, veciña de Pontecesures, que resultou afortunada no sorteo celebrado o pasado 30 de xullo. Recibiu a papeleta agraciada ao realizar unha consumición na cafetería do Auditorio Municipal: o boleto número 2931, coincidente coas últimas catro cifras do sorteo da Lotaría Nacional,
Alí, na propia cafetería, Margarita Vieites recolleu o seu premio: 500 euros en vales de compra para gastar nos comercios e establecementos adheridos a Merca-Valga. Fíxeronlle entrega o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez. Tamén participou no acto a responsable da cafetería, María José Amo.
Merca-Valga é unha iniciativa do Concello para incentivar as compras no comercio local e contribuír á reactivación da economía no municipio. Deu comezo no mes de xullo e continuará ata novembro, con sorteos mensuais con premios de 500 euros.
Son 73 os establecementos participantes –neste mes de agosto incorporáronse outros dous–, entre eles bares e restaurantes, negocios de alimentación, salóns de peiteado e estilismo, farmacias, carpinterías, estancos, estudos de fotografía, ferraxerías, droguerías, florerías, talleres de automoción, tendas de moda e fogar, mercerías, panaderías e pastelerías, taxis, logopedias, consultorías, negocios de xardinería e produtos agrícolas, hoteis e establecementos deportivos, entre outros.
Ao realizar as súas compras, os clientes destes comercios reciben boletos numerados e o premio recae naquela papeleta que coincida coas catro últimas cifras do sorteo da Lotaría Nacional do último día de cada mes. Os próximos sorteos terán lugar o 29 de agosto, 26 de setembro, 31 de outubro e 28 de novembro. Para cada sorteo só son válidos os boletos entregados durante ese mes e ao seguinte iníciase un novo reparto.