- A Consellería de Educación adxudicou os traballos á empresa JStop, de Santiago
- No centro educativo investiranse arredor de 800.000 euros
Valga, 10 de agosto de 2020.
As obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza deron comezo nos últimos días, despois de que a Consellería de Educación as adxudicara á empresa compostelana JStop, Obras e Servizos por un importe próximo aos 800.000 euros que financiará integramente a Xunta de Galicia.
Os traballos deron comezo polo edificio no que se imparte Educación Infantil, no que a principal actuación será a mellora do illamento térmico.
No edificio de Educación Primaria, o máis antigo con case 50 anos, tamén se iniciaron as obras. Neste tramo inicial das mesmas estase a substituír a vella cuberta por paneis sandwich de chapa de aceiro galvanizado. Tamén está proxectada a instalación de novos canalóns e baixantes.
Neste inmoble, o de maior superficie do recinto con 4.332 metros cadrados, realizaranse outras melloras que permitirán ofrecer ao alumnado do centro unhas instalacións máis cómodas, acolledoras e funcionais para o desenvolvemento da actividade lectiva. Entre os traballos a realizar atópanse os seguintes:
- Melloras na fachada, que será sometida a reparacións e limpeza e á colocación de illamento térmico
- Substitución das ventás actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e renovación das persianas
- Instalación de novas luminarias con tecnoloxía LED nas aulas de arte, de actividades extraescolares e na ludoteca
- Reforma dos baños da segunda planta, nos que se reformarán as instalacións de fontanería e saneamento, substituiranse os alicatados, pintaranse os teitos, renovaranse os sanitarios e griferías e tamén as carpinterías interiores
- Outras melloras xerais coma o pintado e acondicionamento de aulas
Por último, o proxecto complétase coa limpeza e baleirado da fosa séptica e a instalación do colector para a acometida á rede xeral de saneamento.