- O retén está integrado por cinco operarios: un capataz, un condutor e tres peóns
- Durante a fin de semana participaron nun curso de formación teórico e tamén realizaron prácticas
Valga, 3 de agosto de 2020.
A brigada de loita contra incendios, que pon en marcha o Concello coa colaboración da Consellería do Medio Rural, comeza mañá a prestar servizo. O retén está integrado por cinco operarios (un xefe de brigada, un condutor e tres peóns) e manterase activo durante un período de tres meses durante os que realizará tarefas de prevención, vixilancia e extinción de lumes forestais.
Os integrantes da brigada recibiron durante a fin de semana un curso de formación teórico e práctico de dezaseis horas de duración con contidos coma o comportamento do lume e os factores que inflúen na súa evolución, seguridade en incendios forestais, manexo de autobombas, tendido de mangueiras e emprego doutras ferramentas de extinción, manobras de autoprotección e prevención de riscos laborais, entre outros.
Unha vez completada a formación, os brigadistas comezarán a desenvolver mañá as tarefas que teñen encomendadas. Entre elas terá prioridade a extinción de incendios forestais, quedando integrada a brigada no dispositivo de emerxencias do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés. Tamén levarán a cabo labores de prevención, que consistirán na roza, rareo e eliminación de restos en camiños forestais, áreas cortalumes ou nas faixas de xestión de biomasa que sexan de titularidade municipal.
Para a posta en funcionamento deste retén, o Concello e máis a Xunta de Galicia asinaron un convenio para o desenvolvemento de accións combinadas de prevención e defensa contra incendios, co obxectivo de acadar unha maior eficacia na loita contra os lumes forestais a través da optimización de todos os recursos dispoñibles.