Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A concelleira Begoña Piñeiro asistiu á reunión da xunta directiva e á asemblea celebradas onte en Cambados

- O Programa Leader ten xestionado axudas por valor de case 3 millóns dende 2017

GDR asamblea

Valga, 31 de xullo de 2020.

A concelleira Begoña Piñeiro participou na reunión da xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés – Ulla-Umia e na asemblea xeral de socios que se celebraron onte en Cambados para, entre outras cuestións, aprobar os proxectos presentados á convocatoria de subvencións 2020-2021 do Programa Leader.

O proxecto que acadou maior puntuación entre os promovidos por entidades privadas foi o da empresa valguesa Produto de Aldea S.L., que recibirá unha axuda de 130.827’42 euros para a construción dunha adega de sangría ecolóxica e viño sen alcol no lugar de Forno (Cordeiro). O proxecto inclúe tanto a construción da nave para a adega –unha instalación integrada co entorno e cun modelo de produción sostible– coma a adquisición da maquinaria e do equipamento necesarios para elaborar e envasar os dous produtos mencionados, que a empresa xa conseguiu introducir con éxito no mercado internacional (Holanda, Xapón ou Suecia, entre outros países).

Ademais desta iniciativa, aprobáronse tamén outros proxectos promovidos por entidades públicas e privadas. Nesta convocatoria 2020-2021 o GDR conta cunha dotación orzamentaria de 251.117’71 euros. Un dos requisitos imprescindibles que deben cumprir os solicitantes é a estabilización dos postos de traballo, manténdoos como mínimo durante un período de cinco anos dende o último cobro da subvención. Deste xeito contribúese á creación e consolidación de emprego no rural.

A asemblea xeral de socios aprobou, ademais, as contas do ano 2019 e o orzamento de 2020 e ratificou os cargos da xunta directiva. Nesta reunión tamén se fixo balance do Programa Leader dende que comezou en marzo de 2017 e ao que se presentaron un total de 151 expedientes acadando unha inversión de máis de 13 millóns de euros e xestionando axudas por valor de case 3 millóns. Os proxectos financiados neste período crearon ou consolidaron 197 postos de traballo na zona de influencia do GDR –as comarcas do Ulla-Umia e O Salnés–.

Volver