- Os traballos afectan ao tramo comprendido entre o cruce coa PO-548 e o Auditorio Municipal
- Renovaranse as redes de abastecemento e saneamento, reconstruiranse as beirarrúas e instalaranse nova iluminación e pasos de peóns elevados
Valga, 28 de xullo de 2020.
A empresa Construcións, Obras e Viais (Covsa) deu comezo ás obras da primeira fase da mellora e urbanización da estrada P0-190, en Ferreirós, que afectan ao tramo comprendido entre o cruce coa estrada de Vilagarcía e o Auditorio Municipal.
Neste treito de case medio quilómetro de lonxitude executaranse traballos de renovación da rede de augas pluviais na súa totalidade, solucionando así as filtracións que se producen á rede de saneamento. Tamén se renovarán as redes de abastecemento e a iluminación, procedendo a soterrar a rede eléctrica e varios tramos da telefónica.
A empresa adxudicataria levará a cabo, ademais, a mellora das beirarrúas e a eliminación de barreiras arquitectónicas de cara a unha mellor accesibilidade. Outros traballos incluídos no proxecto son a construción de varios muros tanto de sostemento da estrada como de contención de terras.
Por último, asfaltarase a calzada, renovarase a sinalización horizontal e vertical e instalaranse pasos de peóns elevados coa finalidade de aumentar a seguridade viaria e conseguir unha redución da velocidade nesta rúa, moi transitada debido ao emprazamento do Auditorio Municipal.
Para levar a cabo este proxecto, o Concello e a Xunta asinaron un convenio de colaboración polo que a administración autonómica se fai cargo da financiación total das obras. O Concello, pola súa parte, asume a titularidade do treito de estrada renovado.