Cun 13’410 e un 13’396 de nota nas probas de acceso á universidade (ABAU), os estudantes do IES de Valga Martín Calvo Blanco (Devesa – Campaña) e Laura Navarro Jamardo (Condide – Pontecesures) poden presumir de contar con dous dos mellores expedientes académicos de toda Galicia e de poder cursar, case con toda seguridade, as carreiras coas que sempre soñaron. Ao recoñecemento que o pasado 16 de xullo lles fixo o Concello de Valga seguiulle onte un acto telemático da Universidade de Santiago cos alumnos máis brillantes da Selectividade. Homenaxes máis que merecidas e que lles serven de estímulo para continuar, coa mesma enerxía, coa súa formación.
Valga, 24 de xullo de 2020.
Xa son varios os recoñecementos e serán motivo de orgullo para vós.
Martín: Que me premien por algo polo que estiven traballando tanto anímame moitísimo, ademais de agradecelo. Conseguimos o noso obxectivo e por iso todo o esforzo pagou a pena, chegar ata aquí significa que podo seguir para adiante.
Laura: En realidade é só unha nota, pero é unha nota que ter marca e comprobar que a xente tamén o ve importante, reconforta. Eu cun 12 xa me conformaba e ata facía festa e ao ver que superaba o 13 foi incrible. Choramos e todo cando coñecemos as notas.
Con semellantes notazas poderedes estudar calquera carreira. Tedes elixido xa por que camiño seguirá a vosa formación académica?
Laura: Eu quero estudar o dobre Grao de Educación Primaria e Infantil en Santiago. Quero ser profesora pero non teño claro se de Primaria ou Infantil e como hai a posibilidade deste dobre Grao... Espero que me dea a nota, porque non hai nin vinte prazas. O ano pasado a nota de corte foi de 11’63 e este ano dependerá da demanda.
Martín: Eu farei Medicina en Santiago. De pequeno sempre dixen que quería ser profesor ou médico, pero ni instituto xa tiven claro que quería dedicarme á medicina. A situación actual anímame moito máis porque hai necesidade de médicos. É un labor moi bonito e ogallá poida realizalo. Pero ata o 11 de agosto non imos saber se entramos ou non nestas carreiras.
Este foi un curso realmente atípico pola pandemia do coronavirus. Como vos adaptastes aos cambios nos métodos educativos e ás clases telemáticas?
Laura: O IES de Valga portouse moi ben. Tivemos clases e estivemos moi arroupados. Pero non é o mesmo ir ao instituto que estar todo o día na casa estudando. Non estás igual de motivado que indo á clase. Costou moito máis.
Martín: Nun curso normal en maio acabas Bacharelato e tes dúas ou tres semanas para preparar a Selectividade, pero este curso foi dende o 16 de marzo seguido machacando, e despois de tres meses estudando parecía que non acababa. Alargouse moito e foi todo moi caótico, pero os profesores portáronse moi ben con nós e fixérono todo o mellor posible.
Laura: Despois de todo ese tempo, cando acabamos os exames eu estaba rara, non sabía nin que facer.
A incerteza foi moita, porque ata se chegou a plantexar que non houbera selectividade. Como vivistes esta confusión?
Martín: En marzo, cando anunciaron que a ABAU quedaba aprazada temporalmente, pensei: ‘o que nos faltaba’. Con todo estudado e estabamos traballando moitísimo. Xa non era a incerteza da data, senón de se finalmente ía a haber Selectividade ou estabamos estudando para uns exames que non ía haber.
Laura: Tamén había moitas dúbidas sobre como ían ser as probas, que criterios ían seguir. Ao final, o modelo de exame estivo ben.
Martín: Facilitaron que, por se algunha materia non a deramos en clase, tiveramos máis optatividade e puideramos elixir outras opcións. Aínda así eu acabei a ABAU con moi malas sensacións, pasei a semana chorando. Pero ao final non foi para tanto.
Que esperades este vindeiro curso da Universidade e todo o que a rodea?
Martín: O primeiro que espero é que as clases poidan ser presenciais. Somos moitos alumnos nunha mesma facultade e non saben aínda como o van a organizar. Pero ir para a Universidade e que todo se faga online... era o que faltaba!. Ademais, a carreira de Medicina ten unha parte práctica moi importante. Aínda así vou con ilusión.
Laura: Vai ser difícil, pero teño moitas ganas e moita ilusión e espero que poida ser coma sempre, con clases presenciais, senón sería un chasco. Porque non é o mesmo que che expliquen as cousas a través dunha pantalla que en persoa. Vai ser algo totalmente novo.
Como ides lembrar a vosa etapa nos colexios da comarca e no IES de Valga?
Martín: Como a miña etapa máis feliz. Agora, co paso á Universidade, un xa se empeza a centrar, hai máis responsabilidades e hai que pensar no futuro. O IES e o colexio recordareino como unha marabilla e os profesores, sobresaíntes. Os anos da miña infancia están aquí e os meus amigos de sempre e, agora, ir para Santiago dá nostalxia. Eu son moi caseiro e familiar e marchar dame un pouco de reparo. Se me dixeran agora mesmo que tiña que volve ra 1º da ESO, firmaba... Pero hai que seguir.
Laura: Cando estas no colexio ou no instituto practicamente non tes responsabilidades nin que tomar decisións que van marcar un antes e un despois na túa vida. É máis diversión. Pero os cambios sempre veñen ben.