Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os exames, teóricos e prácticos, deron comezo o luns no Auditorio e continúan ata mañá xoves

- O CSM porá en marcha o vindeiro curso unha Academia de alto rendemento para nenos que, por idade, aínda non poden realizar o Grao Superior

AccesoCSM1

Valga, 22 de xullo de 2020.

O Centro Superior de Música (CSM Galicia) realiza dende o luns no Auditorio Municipal as probas de acceso para o curso 2020/2021 cun total de 23 aspirantes inscritos, parte deles galegos pero tamén chegados dende outras zonas de España coma O Bierzo ou León e tamén de Portugal (Oporto).

As probas, que constan dunha parte teórica e outra práctica, arrancaron coa especialidade de Jazz e onte realizáronse os exames de Interpretación nas especialidades de frauta, clarinete, violonchelo, viola, trompeta e piano. Hoxe estanse a celebrar os exames dos itinerarios de Composición, Dirección e Canto e, por último,  para mañá xoves están previstos os de Pedagoxía, Musicoloxía e Música Tradicional e Popular de Galicia.

O tribunal avaliador está formado polos membros fixos Rosalía Polo Cal, inspectora de Educación, Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo e Manuel Villar e Pere Molina, directores do CSM Galicia. Ademais, alternan como integrantes deste tribunal Javier Morgade, xefe de estudos do CSM, e Paula Gago, mestra de Piano.

No mes de setembro haberá unha segunda convocatoria de probas de acceso para a que proximamente se anunciarán o prazo de inscrición e as datas exactas.

Academia de alto rendemento

O CSM Galicia conta con novos proxectos formativos de cara ao vindeiro curso. Un deles é a posta en marcha dunha Academia de alto rendemento para que “nenos con talento e con nivel musical , aos que a lexislación non permite por idade cursar o Grao Superior de Música”, indica un dos directores do Centro, Pere Molina. “A estes nenos non podemos deixalos atrás e por iso queremos darlles a oportunidade de estudar con profesores de nivel e prestixio” coma os que integran o equipo docente do centro con sede en Valga.

Onte pola tarde fixo a proba de acceso a primeira aspirante a entrar nesta academia, Anne Garzón, unha nena de Castellón de 12 anos de idade que toca o clarinete.

AccesoCSM2 AccesoCSM3

AccesoCSM4 AccesoCSM5

AccesoCSM6 AccesoCSM7

Volver