A proba práctica terá lugar o vindeiro mércores, 22 de xullo, nas instalacións da Escola Taller
O Concello e a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio para a prevención e loita contra os lumes forestais
Valga, 17 de xullo de 2020.
Un total de vinte e un aspirantes presentáronse ao concurso-oposición convocado polo Concello para a contratación de cinco operarios que formen a brigada de loita contra incendios forestais que prestará servizo en Valga durante un período de tres meses.
Os postos que se ofertan son un xefe de brigada, un condutor e tres peóns. Todos os candidatos presentaron a documentación requerida dentro do prazo establecido, polo que non houbo ningún excluído do proceso.
Os aspirantes deberán realizar unha proba física de esforzo e tamén unha proba práctica, para as que están convocados o vindeiro mércores, 22 de xullo, entre as 8:30 e as 14:20 horas nas instalacións da Escola Taller, no Forno (Cordeiro). Aos que superen estas probas realizaráselles tamén unha entrevista persoal con preguntas relacionadas co posto de traballo ao que optan.
Para a posta en funcionamento desta brigada, o Concello e máis a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de accións de defensa contra incendios forestais.
Entre as funcións e tarefas a realizar por este retén terá prioridade a extinción de incendios forestais, pero tamén levarán a cabo labores de prevención e desbroces.
A lista de aspirantes admitidos e a convocatoria da proba de esforzo e proba práctica poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.valga.gal/formacion-orientacion-e-emprego/novas/2263-lista-de-aspirantes-admitidos-no-concurso-oposici%C3%B3n-para-seleccionar-a-cinco-operarios-da-brigada-contra-incendiios-e-convocatoria-de-probas-de-esforzo-e-pr%C3%A1ctica