- O Concello aportará os materiais para realizar as obras e outorgará premios de 300, 200 e 100 euros
- As actuacións de mellora deben estar rematadas a penúltima fin de semana do mes de agosto, cando serán visitadas polo xurado
Valga, 16 de xullo de 2020.
Un total de catorce comisións presentaron proxectos de acondicionamento de espazos e infraestruturas públicas para concorrer ao concurso “Embelecer Valga”. Este certame, que anualmente convoca o Concello, premia ao lugar máis fermoso engalanado polos veciños, como un xeito de implicar á poboación no coidado do entorno acometendo accións de limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes.
As comisións que se inscribiron nesta edición do concurso e as obras que realizarán son:
- Avenida da Coruña: acondicionamento do parque
- Barcia: melloras no parque
- Barro: traballos de mantemento no parque
- Beiro: ornamentación e acondicionamento do parque
- Campaña: mellora do parque infantil do campo da festa
- Canle: melloras no parque
- CEIP Baño-Xanza: mellora de patios e pistas deportivas
- CRA de Valga: acondicionamento dos patios das escolas unitarias
- Eiras: adecentamento do lavadoiro e do seu entorno
- Eirexe (Campaña): mellora da contorna do cemiterio parroquial
- Laceiras: acondicionamento do parque
- Tarroeira: acondicionamento de terreo vecinal
- Vilar: mantemento do lavadoiro e do parque
- Vilarello. restauración dun lavadoiro e mantemento doutros espazos da aldea
O Concello aportará os materiais necesarios para realizar os traballos, que deben estar finalizados na penúltima fin de semana do mes de agosto, data na que o xurado visitará os diferentes lugares para a súa valoración. O tribunal estará composto polos concelleiros de Medio Ambiente, Cultura, Turismo e Patrimonio e un membro de cada comisión participante. Valoraranse cuestións coma a adecuación final das obras á memoria presentada, a orixinalidade e creatividade nos deseños e na decoración, o aproveitamento de recursos e materiais da zona, a recuperación de elementos existentes característicos do lugar e o fomento da cultura e tradicións locais.
Os gañadores daranse a coñecer coincidindo coa Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100 euros. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo.
Ademais, outorgarase un premio especial á comisión que mellor manteña o estado do lugar acondicionado durante todo o ano. A cuantía será de 150 euros, que se entregarán na vindeira edición do concurso, aínda que a comisión gañadora non participe.