Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A empresa JStop, de Santiago, será a encargada de executar o proxecto por 774.400 euros

- A substitución da cuberta, melloras na fachada, a renovación das ventás e dos baños son algunhas das actuacións a realizar

ColeBañoXanza

Valga, 16 de xullo de 2020.

A Consellería de Educación adxudicou á empresa JStop, Obras e Servizos os traballos de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza, que comezarán a executarse durante o verán. A compañía con sede en Santiago presentou unha oferta de 774.400 euros, que foi a mellor valorada polos técnicos da Xunta de Galicia. Presentáronse ao concurso un total de quince empresas.

A Xunta ten previsto executar as obras no interior do colexio durante o período de vacacións escolares e compatibilizar o remate dos traballos exteriores coa actividade docente ao comezo do vindeiro curso.

A meirande parte das melloras afectarán ao edificio de Educación Primaria, o máis antigo do recinto. Entre as obras a realizar están:

   - A substitución da cuberta por panel de sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano, incluídos os canlóns e as baixantes

   - Melloras na fachada, que será sometida a reparacións e limpeza e á colocación de illamento térmico

   - Substitución das ventás actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e renovación das persianas

   - Instalación de novas luminarias con tecnoloxía LED nas aulas de arte, de actividades extraescolares e na ludoteca

   - Reforma dos baños da segunda planta, nos que se reformarán as instalacións de fontanería e saneamento, substituiranse os alicatados, pintaranse os teitos, renovaranse os sanitarios e griferías e tamén as carpinterías interiores

   - Outras melloras xerais coma o pintado e acondicionamento de aulas

No edificio de Educación Infantil a principal obra será a mellora do illamento térmico.

As actuacións programadas no centro educativo completaranse coa limpeza e baleirado da fosa séptica e a instalación do colector para a acometida á rede xeral de saneamento.

Volver