Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Catro músicos presentaron nos últimos días os seus traballos de fin de estudos e esta mañá ofreceron un recital no Auditorio

- En decembro xa se graduara outro estudante na especialidade de Música Popular e Tradicional Galega

CSMlicenciados 2020

Valga, 15 de xullo de 2020.

Catro músicos forman a primeira promoción de licenciados que saen do Centro Superior de Música de Valga (CSM Galicia), que iniciou a súa andaina en outono de 2019 e que acaba de pechar, polo tanto, o seu curso inaugural.

Mónica García Bereijo de Cedeira (Interpretación-Trompa), Aitor López Gómez de Lugo (Interpretación-Violín), Daniel Otero Domínguez de Sanxenxo (Interpretación-Fagot) e Julio César Domínguez Rodríguez de Ponteareas (Composición) son os catro alumnos que rematan os estudos do Grao Superior de Música. Nos últimos días o Auditorio Municipal acolleu os actos de presentación dos seus respectivos traballos de fin de estudos, ante un tribunal composto por Manuel Villar Touceda, director do CSM, e os mestres Alejandro Salgueiro e Alberto Arribas.

Esta mañá, celebrouse tamén no Auditorio un recital de fin de estudos no que participaron os recén licenciados.

A promoción de 2020 conta cun quinto integrante, Enrique Lagares Rivas de Sada (Interpretación-Saxo), que solicitou un aprazamento da convocatoria ata o mes de novembro, polo que será a finais de ano cando presente o seu traballo.

Estes cinco músicos tiveron como precursor a Isidro Vidal Gallardo, que en decembro de 2019 foi o primeiro licenciado que saíu do Centro Superior de Música tras rematar os seus estudos de Música Popular e Tradicional Galega.

Ademais destes seis graduados, o CSM Galicia contou con outros 34 alumnos distribuídos entre os catro cursos dos que consta o Grao Superior. A vindeira semana, entre o luns e o xoves, terán lugar no Auditorio as probas de acceso para o curso 2020/2021.

LicenciaturaCSM1 LicenciaturaCSM2

          LicenciaturaCSM3                      LicenciaturaCSM4

CSMlicenciados 2020

Volver