Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os aprendices da especialidade de forestais levaron a cabo tarefas de limpeza e acondicionamento

- O alumnado de albanelería ten por diante actuacións no edificio administrativo e no pavillón de Cordeiro

ObradoiroIVBeiro2

Valga, 14 de xullo de 2020.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez, desprazáronse esta mañá a Beiro para comprobar o resultado dos traballos que os aprendices do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV están a realizar en Igrexa Vella e no miradoiro do muíño de vento.

Tanto no xacemento arqueolóxico coma na área de lecer, o alumnado do obradoiro levan a cabo traballos prácticos de desbroce e rareo, tanto con medios manuais coma mecánicos.

No miradoiro, a actuación comprende tamén a limpeza das escaleiras de acceso e a mellora de todo o entorno, ata as inmediacións das pistas deportivas de Beiro. En Igrexa Vella, os traballos afectan á zona na que se atopan os restos da antiga igrexa e da necrópole e a toda a parcela que a circunda.

O Obradoiro Ulla-Umia IV retomou a súa actividade a comezos de xullo, despois dos meses de confinamento polo coronavirus. Ademais destes traballos en Beiro, está previsto que os aprendices de forestais actúen noutros espazos naturais e de lecer do municipio, coma o Camiño de Santiago, a Mina Mercedes, a área fluvial de Vilarello ou o parque Irmáns Dios Mosquera. Podas, plantacións de especies arbóreas e queimas controladas son algunhas das tarefas que realizarán.

Pola súa parte, o alumnado da especialidade de albanelería executará melloras no pavillón municipal de Cordeiro e obras no edificio de usos administrativos. Neste último inmoble, traballarán na planta baixo cuberta, levantando divisións e facendo solados e alicatados.

Estas actividades prácticas, que se complementan coa formación teórica, teñen como obxectivo que os aprendices adquiran as destrezas necesarias dos dous oficios de cara a unha posterior inserción no mercado laboral.

O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV é promovido conxuntamente polos concellos de Valga e Moraña e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Participan unha vintena de persoas desempregadas destes dous municipios que perciben o salario mínimo interprofesional.

ObradoiroIVBeiro1 ObradoiroIVBeiro3

ObradoiroIVBeiro4 ObradoiroIVBeiro5

ObradoiroIgrexaVella1 ObradoiroIgrexaVella2

Volver