- As tres mellores tapas, que gañarán os Mandís de Ouro, Prata e Bronce, elixiranse por votación popular
- Un xurado profesional escollerá o petisco que se degustará na Festa da Anguía do 2021
- O goberno municipal decidiu suspender as actuacións e eventos multitudinarios nesta edición da festa debido á situación sanitaria
Valga, 10 de xullo de 2020.
A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, celebrarase as dúas últimas fins de semana do mes de agosto. Será a sétima edición desta iniciativa, coa que se quere promocionar un dos produtos estrela da festa, a anguía, e incentivar o consumo nos locais de hostalería do municipio.
Os bares e restaurantes que queiran participar teñen de prazo ata o día 27 de xullo para anotarse no Concello. A folla de inscrición poden descargala na ligazón https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes e deben entregala debidamente cuberta no Rexistro municipal.
“Tapa a Anguía” presenta este ano varias novidades con respecto a edicións anteriores. A degustación de petiscos nos establecementos participantes prolongarase durante dúas fins de semana completas, as do 22 e 23 de agosto e 29 e 30. As tapas serviranse de xeito gratuíto coas consumicións. Os sábados o horario de degustación será de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 15:00 horas.
Outro dos cambios introducidos refírese aos premios. Nas últimas edicións as tres mellores tapas eran elixidas conxuntamente polos votos populares e por un xurado profesional. Nesta ocasión, os Mandís de Ouro, Prata e Bronce recaerán nas tres tapas máis votadas polo público. E manterase igualmente o xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará o vindeiro ano na Festa da Anguía.
Entre as persoas que participen na elección dos petiscos gañadores sortearanse dez vales de compra de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
Sen actos multitudinarios na XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
A Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, declarada de Interese Turístico de Galicia, adaptará este ano a súa programación á situación sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus. O goberno municipal decidiu suspender os actos multitudinarios, polo que non haberá degustación nin actuacións musicais no Parque Irmáns Dios Mosquera.
Si se manteñen, en cambio, outras das actividades máis representativas da festa. É o caso da ruta “Tapa a Anguía”, pero tamén do Concurso da Caña do País, do certame Embelecer Valga ou do concurso artístico para elixir o cartel anunciador.