Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Portos de Galicia aportará o orzamento total do proxecto, 332.439 euros

- Ademais da colocación do pantalán, pavimentarase unha pequena zona de ribeira, instalarase mobiliario e mellorarase o acceso

EMBARCADOIROOK

Valga, 9 de xullo de 2020.

Portos de Galicia sacou a licitación as obras dun novo embarcadoiro no río Ulla, en Campaña, destinado ao seu uso por parte de embarcacións turísticas e de recreo. O proxecto é financiado integramente pola entidade adscrita á Consellería do Mar e conta cun orzamento de 332.439’20 euros.

O embarcadoiro executarase no mesmo lugar no que se conservan os restos do antigo porto de carga e descarga de mercadorías vencellado á actividade industrial da desaparecida fábrica de cerámica Novo y Sierra. As obras que se levarán a cabo consistirán na rehabilitación daquela pequena estrutura portuaria co fin de permitir o atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla e atraer, así, un fluxo de visitantes que cheguen ao municipio por vía fluvial.

Instalarase un pantalán de aluminio de 24’3 metros ao que se accederá por medio dunha pasarela fixa de 33 metros de lonxitude e 2’5 de anchura e unha pasarela articulada de 16 metros de longo e 1’5 de ancho. Tanto os pantaláns como as pasarelas estarán fixos por medio de pilotes de chapa de aceiro.

Para acceder a este pantalán, na zona do antigo embarcadoiro, realizarase un muro de cara vista de mampostería por diante do muro existente de ladrillo, que quedará enterrado, e procederase á realización dun pequeno recheo ata acadar a cota da explanada. Esta superficie, duns 316 metros cadrados, pavimentarase con lastras de granito colocado con morteiro sobre unha base de formigón.

Nesta zona colocaranse cinco bancos que servirán para delimitar o aparcamento. Instalaranse tamén unha varanda de protección de madeira e alcorques nas árbores que se manteñen na explanada. O camiño de acceso a estas instalacións acondicionarase mediante o estendido e compactado de saburra.

As empresas que queiran optar á adxudicación das obras teñen de prazo ata o día 3 de agosto para presentar as súas ofertas por medios telemáticos, a través do sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver