Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Bello Maneiro e as concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro agasallárona cun ramo de rosas e doces

- A centenaria, que vive en Cerneira, soprou as candeas acompañada polos representantes municipais

MaríaBouzas104 1

Valga, 8 de xullo de 2020.

María Bouzas Senín, a veciña máis lonxeva de Valga, cumpre hoxe 104 anos. Con motivo do seu aniversario o alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro visitárona este mediodía no seu domicilio de Cerneira (Setecoros). Trasladáronlles as felicitacións de todos os valgueses e entregáronlle como agasallos un ramo de rosas, doces e unha torta na que María soprou as velas co número 104.

Con máis dun século de vida é todo un exemplo de vitalidade. Os anos semella que non pasan por ela e mantense igual de faladora e enérxica. Ela soa se ergue e se viste polas mañás e mantén a súa costume de dar paseos, axudándose cun andador, polos arredores da vivenda na que reside coa súa filla e o seu xenro.

María vive entre a incredulidade a situación de pandemia global polo coronavirus. “Vivín varias guerras, pero coma isto non vin nada. En 104 anos non acordo que non houbera misa en Setecoros”, comentaba esta mañá co alcalde e as concelleiras referíndose á suspensión dos servizos relixiosos na parroquia durante o Estado de Alarma.

Cunha filla, dous netos e tres bisnetos, María Bouzas rodearase esta fin de semana de todos os seus achegados para celebrar con eles o seu aniversario.

Valga conta, ademais, con outros dous veciños centenarios: María Josefa Senín, de Reguengo, que ten 101 anos, e Hipólito Cerqueiras Pardal, de Moldes, que o pasado domingo cumpriu os 100.

MaríaBouzas104 2 MaríaBouzas104 3

MaríaBouzas104 4

Volver