- A gala homenaxeará a alumnos dos colexios de Baño e Cordeiro, do IES, da Escola de Música e do Centro Superior
- O evento será aberto ao público, cun aforo máximo do 75% no Auditorio
Valga, 8 de xullo de 2020.
Un ano mais, o Concello de Valga recoñece aos estudantes cos mellores expedientes académicos do municipio, nun acto que terá lugar o vindeiro xoves 16 de xullo no Auditorio a partir das 19 horas.
A gala, que será aberta ao público, homenaxeará aos estudantes cos mellores resultados académicos durante o curso 2019/20 que acaba de rematar.
Como é habitual, serán obxecto deste recoñecemento alumnos que cursaron 6º de Primaria nos colexios CEP Xesús Ferro Couselo e CEIP Plurilingüe de Baño. Tamén serán homenaxeados estudantes do IES de Valga que remataron a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), de Bacharelato –nas ramas de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais–, FP Básica de Fabricación e Montaxe e do Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería e do Ciclo Superior de Construcións Metálicas.
Por último, o Concello recoñecerá aos mellores alumnos de Grao Superior e Profesional da Escola Municipal de Música e, por vez primeira, do Centro Superior de Música (CSM Galicia), que vén de rematar o seu curso inaugural.
Todos os veciños que queiran asistir ao acto deberán facelo con mascarilla e respectando as distancias de seguridade. Na entrada do Auditorio terán á súa disposición dispensadores de xel hidroalcohólico. O aforo máximo será do 75%.