Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As concelleiras Begoña Piñeiro e Malena Isorna acompañaron ao rexedor na visita ao home de máis idade do municipio

- Agasallárono cunha placa conmemorativa, un ramo de flores e unha torta

HipolitoCerqueiras100 4

Valga, 5 de xullo de 2020.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Begoña Piñeiro e Malena Isorna felicitaron esta mañá a Hipólito Cerqueiras Pardal no día do seu centenario.

Os representantes municipais visitárono no seu domicilio en Moldes (Cordeiro) para agasallalo, en nome de todos os valgueses. Unha placa conmemorativa coa lenda “O Concello de Valga a Hipólito Cerqueiras Pardal no día en que cumpre os 100 anos", un ramo de flores e un torta para celebrar o aniversario foron os regalos que lle entregaron. O novo centanario soprou as candeas co número 100 e brindou cos edís e coa súa familia nesta data tan especial.

Hipólito Cerqueiras, viúvo dende hai un lustro, viviu sempre en Vilarello ata que nos últimos anos se trasladou coa súa filla pequena, Angelita, a Moldes. Casou cunha veciña da mesma aldea e adicouse á agricultura. Sobreviviu á Guerra Civil, na que participou como recruta da última quinta, e agora tamén á pandemia do coronavirus. Porque el sempre tivo un obxectivo, chegar aos cen anos, e hoxe cúmprese o seu soño. “Toda a vida dixo que quería chegar aos 100 e cando brindaba sempre dicía ‘De hoxe en 100 anos’”, conta unha das súas netas, Mónica. Por iso as últimas datas foron de moita ilusión e nervios pola proximidade do centenario.

Como non pode ser doutra maneira, a celebración está a ser por todo o alto e rodeado da súa extensa familia. Reuniuse cos seus cinco fillos –tivo un sexto que faleceu de mozo– para xantar e, pola tarde, recibirá a visita de netos (16), bisnetos (máis de 20) e tataranetos (4), entre outros achegados. Será un momento moi especial e emocionante xa que algúns deles levan sen velo dende antes do confinamento.

Hipólito Cerqueiras é o home de máis idade de Valga. Outras dúas mulleres do municipio superan tamén os cen anos: María Bouzas, veciña de Cerneira, que está a piques de cumprir 104 anos, e María Josefa Senín, de Reguengo, que ten 101.

HipolitoCerqueiras100 2 HipolitoCerqueiras100 3

         HipolitoCerqueiras100 5            HipolitoCerqueiras100 6

HipolitoCerqueiras100 7 HipolitoCerqueiras100 8

Volver