- A mesa de contratación reuniuse hoxe para abrir os sobres coa documentación administrativa e técnica
- O proxecto, que forma parte do Plan Revitaliza, ten un orzamento de 103.805 euros que financian conxuntamente o Concello e a Deputación
Valga, 1 de xullo de 2020.
Tres empresas presentaron ofertas no Concello para a subministración de composteiros individuais e comunitarios no marco do Plan Revitaliza, no que participan o Concello e a Deputación Provincial. Os licitadores son a compañía navarra Vermican Soluciones de Compostaje, a catalana Alquienvas e Berca Group, con sede en Madrid e delegación en Galicia.
A contratación do material preciso para a posta en marcha deste plan de compostaxe dividiuse en tres lotes: a dotación de 1.191 unidades de composteiros individuais con capacidade entre 300 e 400 litros (86.446’60 euros), a provisión de tres unidades de composteiros individuais de entre 800 e 900 litros de capacidade (99’30 euros) e a instalación de 28 unidades modulares de compostaxe comunitaria (16.940 euros). As empresas Vermican e Berca presentaron ofertas aos tres lotes, mentras que Alquienvas só concorreu ao lote 1.
A mesa de contratación reuniuse esta mañá para abrir os sobres A e B, correspondentes á documentación administrativa e técnica e, posterioremente, os representantes dos licitadores e os técnicos municipais desprazáronse ata o recinto da depuradora, en Campaña, para a apertura e montaxe das mostras do material que subministrará cada empresa en caso de resultar adxudicataria.
Para xestionar este proxecto do Plan Revitaliza o Concello incorporou no mes de maio a unha mestra composteira. O obxectivo é fomentar a compostaxe entre a veciñanza, instalando composteiros comunitarios nas zonas máis urbanas e no entorno de edificios de vivenda colectiva, e os composteiros individuais repartiranse entre residentes en vivendas unifamiliares.