Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os aprendices de forestais tamén actuarán noutros espazos coma o Camiño de Santiago ou a área fluvial de Vilarello

- O alumnado de albanelería ten por diante actuacións no edificio administrativo e no pavillón de Cordeiro

ObradoiroForestaisBeiro1

Valga, 1 de xullo de 2020.

O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV retoma hoxe a súa actividade práctica despois dos meses de confinamento polo coronavirus. Os alumnos da especialidade de forestais traballan dende esta mañá no acondicionamento e limpeza do miradoiro de Beiro e do seu entorno, onde están a levar a cabo tarefas de desbroce, rareo e podas, tanto con medios manuais coma mecánicos.

Tamén está previsto que actúen noutros espazos naturais e de lecer do municipio, coma o Camiño de Santiago, a Mina Mercedes, a área fluvial de Vilarello ou o parque Irmáns Dios Mosquera. Entre os traballos a realizar polos aprendices deste módulo tamén están as queimas controladas e a plantación de especies arbóreas, tarefas que lles permitirán adquirir as destrezas necesarias do oficio de cara a unha posterior inserción no mercado laboral.

O alumnado da especialidade de albanelería retomou a actividade en Moraña. Nas vindeiras semanas trasladaranse a Valga para executar obras no edificio de usos administrativos. Traballarán na planta baixo cuberta do inmoble, levantando divisións e facendo solados e alicatados. Ademais, realizaranse melloras no pavillón municipal de Cordeiro.

O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV é promovido conxuntamente polos concellos de Valga e Moraña e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Participan unha vintena de persoas desempregadas destes dous municipios que perciben o salario mínimo interprofesional ao tempo que reciben formación teórica e práctica nas especialidades de albanelería e forestais.

Traballo telemático durante a corentena

Nos máis de tres meses que se prolongou a situación de emerxencia sanitaria pola pandemia da Covid-19, o Obradoiro de Emprego mantivo a actividade formativa teórica. O equipo docente estivo en permanente contacto cos alumnos, a través de videochamadas, para seguir impartindo os contidos teóricos incluídos no plan formativo e realizando exercicios relacionados coas dúas profesións.

ObradoiroForestaisBeiro2 ObradoiroForestaisBeiro3

ObradoiroForestaisBeiro4 ObradoiroForestaisBeiro5

ObradoiroForestaisBeiro6           ObradoiroForestaisBeiro7

 

Volver