- A cafetería reabre a partir do vindeiro luns con horario de verán
- O Centro Superior de Música xa imparte clases e celebra concertos a porta pechada nas instalacións
Valga, 25 de xuño de 2020.
O Auditorio Municipal retoma pouco a pouco a súa actividade logo de permanecer pechado e sen programación durante máis de tres meses a consecuencia da pandemia do coronavirus Covid-19.
As instalacións xa acollen dende hai días clases presenciais do Centro Superior de Música, que nesta semana tamén está a celebrar concertos dos seus alumnos a porta pechada. A reactivación das actividades continuará en datas vindeiras de xeito progresivo e sempre baixo os principios de prudencia e responsabilidade para garantir, en todo momento, o cumprimento das normas sanitarias en vigor e dos aforos máximos permitidos.
A partir do vindeiro luns, 29 de xuño, darase un novo paso cara a normalidade coa apertura da cafetería, que atenderá ao público con horario de verán: de luns a venres de 9:00 a 14:30 e de 19:30 a 23:00, os sábados de 9:00 a 23:00 horas e os domingos 10:30 a 23:00.