- Instalarase unha bomba de calor aire-auga para dar servizo ás instalacións deportivas
- As empresas poden presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratos de Galicia ata o día 29
Valga, 22 de xuño de 2020.
O Concello de Valga saca a contratación unha nova obra de mellora en instalacións municipais que afecta, neste caso, ao ximnasio de Beiro. As instalacións deportivas serán dotadas dun novo sistema de climatización e ventilación acorde á actividade que alí se desenvolve.
Atendendo á crecente afluencia de usuarios e ao aumento das actividades e co obxectivo de ofrecer un servizo de calidade, o Concello executou recentemente obras de ampliación no ximnasio, acadando as súas instalacións unha superficie total duns 370 metros cadrados.
É por iso que agora se fai necesario adecuar o sistema de climatización e ventilación ás novas dimensións do recinto para garantir a súa confortabilidade. O novo sistema que se colocará consistirá nunha bomba de calor aire-auga.
O proxecto conta cun orzamento de 49.999’46 euros e será financiado polo Concello e a Xunta de Galicia, a través dunha liña de subvencións para a mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
As empresas que queiran optar á adxudicación das obras teñen de prazo ata as 23:59 horas do día 29 de xuño para presentar as súas ofertas de forma telemática a través da Plataforma de Contratos de Galicia.